Mónica Alonso e Manuel Castiñeira conduciron unha nova entrega deste esforzo colectivo do equipo de Redacción de CUAC FM, con Ángela Triana no control técnico: Ar de Coruña. A primeira hora de emisión estivo adicada a un dos barrios máis novos da cidade. Os Rosales foi o protagonista do noso quinto capítulo.
Como é habitual, escoitamos a radiografía sonora do barrio realizada por Bea Ulalume. O Presidente da Asociación de Veciños dos Rosales, Fernando Carrillo, e o seu Vicepresidente, Francisco Javier Rivera, viñeron para dar a súa visión do que acontece nesta parte da cidade, e coñeceron con nós o mosaico sonoro recollido por Ozzy de Castro e Vera Pidal Pardo, e editado por Fernando Losada e Fer Liñares.
Tivemos ocasión de departir con dúas asociacións centradas na atención en persoas con discapacidade intelectual presentes no barrio: Adcor, representada por Marga Garrido, e Artefíos, que tamén quixo deixar constancia da súa presencia. Aínda nos Rosales, Vera Pidal Pardo visitou a librería de barrio, Espacio Cultural, situada na rúa Manuel Azaña 42.
De cheo na segunda hora de emisión, visitounos Jorge Castro de Menores en Red para deixarnos a súa firma. A sección de Cultura trouxo unha entrevista con Enric Montefusco, membro do grupo catalán Standstill, no seu paso pola cidade. Non faltou a Axenda Infantil nas voces dos presentadores e de Jorge Catoira. Ademais, o cantautor coruñés Félix Arias pasou polo Estudio 1 de CUAC FM para responder as nosas preguntas e tocar unha canción coa súa guitarra, anunciando o seu concerto desa mesma noite.
Actualidade centrouse na mesa redonda celebrada no día anterior no Centro Cívico do Castrillón, na cal a organización ATTAC falaba de alternativas financieiras, e que recollíu e comentou Jorge Catoira. Tamén houbo espazo para informarnos da reapertura da Velvet, un emblemático local da Cidade Vella.
Finalizamos o programa na parte de Sociedade falando con Rebeca López Caramés de CASCO, o Comité Cidadán AntiSIDA da Coruña, que se acercou ata a nosa nova emisora con Juan Carlos Espinosa, monitor do piso de acollida da asociación.