Ar de Coruña. Capítulo 11: I Romaría Asociativa de CUAC FM

Ar de Coruña emitíuse desde o Parque de Marte, lugar onde se realizou a I Romaría Asociativa de CUAC FM. Os equipos de Redacción e de Tecnoloxía achegaron á rúa o magazine comunitario semanal da emisora. Diversas asociacións participantes neste encontro pasaron polos micrófonos deste programa especial centrado no asociacionismo, e conversaron con Mariano Fernández e Manuel Castiñeira. Os reporteiros Diego de la Vega e Iverson recolleron as impresións dalgúns dos asistentes a esta I Romaría Asociativa.

  • Marcial Blanco foi o primeiro convidado neste undécimo programa. É membro de Zocaminhoca, unha cooperativa de consumo responsable da cidade.
  • Roberto Catoira, da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, e Sheila, do Centro Social Gomes Gaioso, falaron das principais actividades que desenvolven nas súas respectivas agrupacións e da visibilidade do tecido asociativo da cidade.
  • Ozzy de Castro volveu á rúa para recoller opinións sobre o movemento asociativo na Coruña. O mosaico sonoro foi completado coa produción e locución de Antón Dubra.
  • Adama e Jimmy, dous senegaleses da Asociación Sen Papeis da Coruña, tamén conversaron cos nosos locutores.
  • Tomás Legido lembrounos a celebración do concerto correspondente á final do XIII Concurso de Maquetas de CUAC FM esa mesma noite.
  • Finalmente, uns representantes de ADCOR, organización sen ánimo de lucro adicada a axudar a persoas adultas con discapacidade intelectual, deixaron constancia do labor do seu colectivo.

A fotografía que acompaña a este texto pertence ó artigo publicado polo diario La Opinión A Coruña o 1 de maio de 2011.

Ir a descargar

Ar de Coruña. Capítulo 5: Os Rosales

Mónica Alonso e Manuel Castiñeira conduciron unha nova entrega deste esforzo colectivo do equipo de Redacción de CUAC FM, con Ángela Triana no control técnico: Ar de Coruña. A primeira hora de emisión estivo adicada a un dos barrios máis novos da cidade. Os Rosales foi o protagonista do noso quinto capítulo.

Como é habitual, escoitamos a radiografía sonora do barrio realizada por Bea Ulalume. O Presidente da Asociación de Veciños dos Rosales, Fernando Carrillo, e o seu Vicepresidente, Francisco Javier Rivera, viñeron para dar a súa visión do que acontece nesta parte da cidade, e coñeceron con nós o mosaico sonoro recollido por Ozzy de Castro e Vera Pidal Pardo, e editado por Fernando Losada e Fer Liñares.

Tivemos ocasión de departir con dúas asociacións centradas na atención en persoas con discapacidade intelectual presentes no barrio: Adcor, representada por Marga Garrido, e Artefíos, que tamén quixo deixar constancia da súa presencia. Aínda nos Rosales, Vera Pidal Pardo visitou a librería de barrio, Espacio Cultural, situada na rúa Manuel Azaña 42.

De cheo na segunda hora de emisión, visitounos Jorge Castro de Menores en Red para deixarnos a súa firma. A sección de Cultura trouxo unha entrevista con Enric Montefusco, membro do grupo catalán Standstill, no seu paso pola cidade. Non faltou a Axenda Infantil nas voces dos presentadores e de Jorge Catoira. Ademais, o cantautor coruñés Félix Arias pasou polo Estudio 1 de CUAC FM para responder as nosas preguntas e tocar unha canción coa súa guitarra, anunciando o seu concerto desa mesma noite.

Actualidade centrouse na mesa redonda celebrada no día anterior no Centro Cívico do Castrillón, na cal a organización ATTAC falaba de alternativas financieiras, e que recollíu e comentou Jorge Catoira. Tamén houbo espazo para informarnos da reapertura da Velvet, un emblemático local da Cidade Vella.

Finalizamos o programa na parte de Sociedade falando con Rebeca López Caramés de CASCO, o Comité Cidadán AntiSIDA da Coruña, que se acercou ata a nosa nova emisora con Juan Carlos Espinosa, monitor do piso de acollida da asociación.

Ir a descargar

Sigue leyendo