Ar de Coruña emitíuse desde o Parque de Marte, lugar onde se realizou a I Romaría Asociativa de CUAC FM. Os equipos de Redacción e de Tecnoloxía achegaron á rúa o magazine comunitario semanal da emisora. Diversas asociacións participantes neste encontro pasaron polos micrófonos deste programa especial centrado no asociacionismo, e conversaron con Mariano Fernández e Manuel Castiñeira. Os reporteiros Diego de la Vega e Iverson recolleron as impresións dalgúns dos asistentes a esta I Romaría Asociativa.
- Marcial Blanco foi o primeiro convidado neste undécimo programa. É membro de Zocaminhoca, unha cooperativa de consumo responsable da cidade.
- Roberto Catoira, da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, e Sheila, do Centro Social Gomes Gaioso, falaron das principais actividades que desenvolven nas súas respectivas agrupacións e da visibilidade do tecido asociativo da cidade.
- Ozzy de Castro volveu á rúa para recoller opinións sobre o movemento asociativo na Coruña. O mosaico sonoro foi completado coa produción e locución de Antón Dubra.
- Adama e Jimmy, dous senegaleses da Asociación Sen Papeis da Coruña, tamén conversaron cos nosos locutores.
- Tomás Legido lembrounos a celebración do concerto correspondente á final do XIII Concurso de Maquetas de CUAC FM esa mesma noite.
- Finalmente, uns representantes de ADCOR, organización sen ánimo de lucro adicada a axudar a persoas adultas con discapacidade intelectual, deixaron constancia do labor do seu colectivo.
A fotografía que acompaña a este texto pertence ó artigo publicado polo diario La Opinión A Coruña o 1 de maio de 2011.