O pasado sábado 4 de xuño de 2011 CUAC FM realizou este programa especial conducido por Roberto Catoira e Manuel Castiñeira, coa axuda de Mariano Fernández no control técnico e doutros integrantes dos Equipos de Redacción e de Tecnoloxía da emisora, coincidindo co 75 aniversario dos comezos da Guerra Civil en España.
Este espazo estivo dividido en dúas partes. Na primeira hora realizáronse unhas entrevistas a familiares de represaliados ou perseguidos na época da Guerra Civil. No estudio 1 da Radio Comunitaria da Coruña estiveron Pedro Galán (descendente de Pedro Galán Calvete) e Valentín García Bóveda. Tamén foi posible conversar telefonicamente con Mariquiña Villaverde (filla de José Villaverde) e con Xosé Luís Bóveda. Acompañounos durante todo o tempo de emisión Rubén Afonso, membro da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.
Na segunda parte, e máis centrados noutros aspectos da memoria histórica, Rubén Afonso, o historiador Emilio Grandío e o realizador e fotógrafo Xosé Abad mostraron varias ideas e opinións diante dos nosos micrófonos. O programa completouse cuns audios gravados en CUAC FM acerca da vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda, para rematar cunha cita de Castelao.