Cuac FM no Festival da Diversidade Cultural

Finalmente e con certo atraso no tempo, a pasada fin de semana celebrouse na Praza das Conchiñas da nosa cidade unha nova edición do Festival da Diversidade Cultural. Á cita, como ben se merecía, acudiron tres dos reporteiros de Cuac FM, cámaras e micros en man para dar voz, unha vez máis, a todos aqueles que non a teñen.

Esta equipo tivo o gran pracer de entrevistar a moitas das agrupacións que nesta festa se atopaban: Colombia, Perú, México entre outros países, así como a representantes do Partido Humanista e da Asociación Viraventos.

Esta celebración pretendía ser un punto de encontro no que reunir a xente de culturas moi diferentes nun mesmo territorio: o noso e o de eles, porque non debemos esquecer que tamén é o de eles.

A cultura, un vehículo de unión e de expansión de todas as riquezas que nos fan únicos e que nos enriquecen, adoptou moi diversas manifestacións nesta gran festa. Dende a comida, onde a mistura de especias descoñecidas nestas latitudes harmonizábase cos diferentes bailes tradicionais que pasaron polo palco: Mariachi, bailes tradicionais do Perú e Colombia etc, así como outro tipo de produtos e de actividades (teatro, actividades infantis…).

Os diferentes participantes contáronlle os nosos reporteiros como moitas das especias e da comida que se estaba a servir tiveron que ser mercada en Madrid, dada a escaseza de ese tipo de mercancías na nosa cidade ou os seus prezos astronómicos.

Recollemos testemuños dos esforzos que moitos dos participantes realizan para seguir expandido a súa cultura aquí, e que ás veces leva a moitas persoas a baleirar as súas maletas repletas de recordos, de pequenos tesouros, para traer os vestidos propios do seu folclore e mostralos en toda a súa grandeza.

Pero ademais de estas actividades máis propiamente culturais e deportivas (existen varias ligas de fútbol), as asociacións buscan ser unha forma de solventar moitas dificultades coas que se atopan os seus compañeiros cando chegan a nosa terra, a cal moitas veces se esquece un pouco do seu pasado. Se ben cóntase na cidade con ONGs que realizan unha labor moi importante na integración e primeira axuda, moitas das asociacións teñen como obxetivo a largo prazo crear a súa propia oficina de asesoramento xurídico.

Un gran festival no que non debemos esquecer que para levar a cabo esta celebración, a organización da mesma contou con numerosos inconvenientes. Para que os nosos oíntes e lectores se sitúen, o acontecemento celebrouse con case un mes de atraso da data prevista debido á escasa financiación por parte do Concello da Coruña que primeiro da e despois quita, como ven sendo habitual neste tipo de eventos.

Pero coma sempre, a ilusión é o que o final termina estando por riba de cifras e letras. E dende logo a todas estas persoas non lles fixo falta demasiado para gozar e facer gozar coa súa simple presencia.

Dende Cuac FM, agradecemos a todas e a cada unha das diferentes asociacións e agrupacións a súa colaboración, e quedamos, coma sempre, a súa enteira disposición.

DSC_0039DSC_0042DSC_0043DSC_0050DSC_0057DSC_0060