- El Detective: ¿En qué consiste Recendo, e como tomáchedes a decisión de montar este programa?
- Recendo: Recendo é un programa “de variedades”, sociedade-actualidade-cultura… Con entrevistas telefónicas e en directo. Tertulias (faladoiros en galego), e diversos comentarios críticos e lecturas sobre cuestións de actualidade.En realidade comezamos có programa dun xeito absolutamente casual. Foi unha proposta do presi da nosa asociación no mes de maio pasado, e á vista de que na grella de CUAC tíñamos espazo, tirámonos á piscina no mes de outubro, sen saber moi ben nin como se montan noticias, nin como era a parte técnica, nin como son os tempos… É dicir, sen saber facer radio, alí estabamos absolutamente intrépidas e intrépidos facendo este Recendo perfumado de cultura e música da nosa cidade, da Coruña, e tamén da nosa Galiza.
- ED: Como Asociación Cultural que sodes, ¿credes que nesta cidade se lle da á cultura a importancia que merece? ¿Credes que á xuventude nos interesa a cultura?
- R: Efectivamente a equipa do programa está en CUAC por “obra e graza” da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Entidade de carácter cultural ben situada na cidade da Coruña dende hai xa case 35 anos.En canto á pregunta en torno á importancia que lle damos á cultura as coruñesas e os coruñeses, é certo que temos unha grande oferta cultural na cidade. Outra cousa ben distinta é se a oferta que tanto as institucións públicas como as distintas organizacións sociais realizan, é ou non é a mais axeitada.En moitas ocasións temos oferta cultural mais que suficiente de actuacións e eventos que veñen de fora da Galiza. Orquestras sinfónicas, obras de teatro que veñen facer “bolos” a provincias, zarzuelas… ¡Perfecto!, máis que pasa cós grupos de música, teatro, novelistas, ensaístas, artistas da imaxe (pintura, escultura, fotografía, cine…); que pasa coa oferta de producción propria, de producción coruñesa e galega?.
Neste aspecto podemos dicir que non se valora ben o proprio, polo tanto tampouco se oferta como actividade cultural.
En calquera caso, nestes últimos dous ou tres anos algo cambiou. Por fin podemos ir ver grupos de danza e teatro galegos. Por fin podemos escoitar a nosa música –e non só a tradicional, que tamén-, a música de xente nova que forma grupos e precisa espazos para ser ouvida, encomeza a ser coñecida; preséntanse libros escritos por galegas e galegos… algo está a cambiar.
A verdade é que si vemos esforzos por parte das institucións, máis aínda queda moito por facer, sobre todo para que a xente máis nova se achegue á cultura: A visitar expos, ver pelis, acudir a algunha conversa cultural… A xente nova súmase con facilidade a eventos musicais. Seguro!, máis hai outros moitas cousas que nos poden completar e enriquecer e divertir coma a pintura, os roteiros pola cidade, os cursos de fotografía ou de plástica, a historia máis nosa, máis próxima… aos que se vota en falla que acuda mais xente nova.
- ED: Facede autocrítica do voso programa: puntos positivos, e negativos de Recendo.
- R: Facer autocrítica do noso programa é fácil: Aínda non sabemos facer radio, nin con minúsculas nin con MAIÚSCULAS. Estamos aprendendo.Temos a grande fortuna de que as compañeiras e compañeiros dos distintos programas e distintas equipas de coordenación de CUAC, son xente absolutamente entregada, xenerosa e coa que agardamos aprender moito e axiña.
- ED: De toda a grella de Cuac FM, ¿que programas escoitades máis frecuentemente?
- R: A verdade é que ao principio non escoitabamos CUAC –ou escoitabamos moi poucas emisións-, máis agora xa estamos enganchadas e enganchados.Eu persoalmente, teño sempre CUAC pinchado na casa. Polo tanto, entre “on line” e redifusión, escoito toda a grella.E logo escoito algún programa en podcast para aprender, como é o caso dos Desinformativos (son unha fan tola do Ozzy).
- ED: Final e brevemente, indicádenos por que os oíntes han de escoitar Recendo cada martes ás 19:00.
- R: Brevisimamente: Porque nos contamos a actividade cultural, social e incluso política da nosa cidade con outra mirada e doutra maneira.Nos amamos á nosa cidade e a nosa bisbarra, amamos a nosa lingua e a nosa cultura, amamos as nosas tradicións e aos nosos devanceiros. E tamén amamos e loitamos polo noso futuro.Estamos orgullosas e orgullosos do que é de nós.
En definitiva, que estamos tolas e tolos pola nosa Galiza.
E nótase cando contamos as nosas cousas na radio.
“Recendo” recende a palabras, imaxes e música fermosas.