Proposta de Cuac FM para o Noroeste Pop-Rock 2011

Esta proposta de Cuac FM foi remitida aos grupos municipais para a súa valoración:

Estimados señores,

Dende a asociación cultural CUAC, propietaria da emisora comunitaria de A Coruña CUAC FM 103.4, desexamos transmitirlles unha serie de propostas coa intención de mellorar a organización, os plantexamentos e a celebración final do Festival Noroeste Pop-rock. Á mesma nos amosan a sua adhesión dende a web musical Empuje.net (xurado de este ano) e nos consta o apoio expreso doutros membros do xurado.

Atrevémonos a isto debido a nosa vinculación dende hai 14 anos ao movemento cultural da cidade e en concreto ao musical, xa que temos en antena programas especializados en música de diversos estilos e organizamos un Concurso de Maquetas a nivel nacional con doce edicións celebradas.
Como saberán, na edición do 2010 do Festival Noroeste Pop-rock, CUAC FM ten formado parte do xurado do festival, co que nos sentimos lexitimados e incluso coa obriga moral de presentarlles esta proposta.

Antes de entrar en materia, permítannos que lamentemos a actitud case despectiva do Concelleiro de Festas, o señor Garcés, cara o festival en cuestión. Dende o anuncio unilateral de suspensión, ata as suas posteriores declaracións intentando eliminar toda responsabilidade do seu departamento na organización do mesmo, todas teñen sido moi desafortunadas. Entendemos que o pop-rock non sexa a súa música favorita, mais o respecto aos gustos de tódolos cidadáns si que é esixible a alguén co cargo que ostenta o señor Garcés.

Centrándonos xa nas propostas de mellora, suxerimos o seguinte:

1.- Que se presente unha moción no Pleno Municipal xa en setembro de 2010 pola que os 3 grupos políticos que están en María Pita se comprometan a que en 2011 haxa un Noroeste Pop-rock. Tendo en conta que en 2011 hai eleccións municipais, evitariamos que a situación de provisionalidade que se viviu este ano, quede eliminada.

2.- Que se comece nese tras a aprobación da moción a preparar un dossier que permita iniciar contactos con posibles patrocinadores por parte de funcionarios municipais ou co sistema que vostedes consideren oportuno. Tanto no sector da hostalería da cidade, como en todo tipo de empresas locais, nacionais e incluso internacionais.

3.- Que se convoque xa dende outubro a unha serie de persoas relacionadas coa música na cidade para traballar no formato, selección de bandas (nacionais e internacionais se é posible), así como na elaboración dunhas bases que garantan a presencia de grupos locais, sendo isto compatible co que o concurso siga sendo a nivel galego.
O concurso debería convocarse no mes de xaneiro e ter seleccionadas as bandas en maio, aproximadamente.

4.- Que se concreten antes de que acabe o ano 2010 as datas do festival, sendo venres e sábado (e se hai un tercer día, xoves ou domingo) de agosto. Unha vez decididas as mesmas, debe presentarse unha páxina web do festival. Nela, mentres non haxa confirmacións para a edición de 2011, presentariase unha ampla información sobre a traxectoria do festival e os artistas que xa teñen pasado por el. Isto incluso facilitaría a negociación con determinados artistas que poderan comprobar tanto a ubicación como os artistas nacionais e internacionais que xa formaron parte do cartel.

5.- Que unha vez aprobados os orzamentos municipais, e tendo en conta os patrocinios que se teñan conseguido ou que se estean negociando, se asigne unha partida ao Noroeste Pop-rock. No caso de que a infraestrutura de escenario, sons e luces sexa utilizada para outros eventos, debe repercutirse no Festival Noroeste Pop-rock só a parte proporcional que lle corresponda.

6.- Que se convoque por Concurso público a producción do festival (escenario, son e luces). O resto que se xestione directamente no Departamento de Festas e que a contratación das bandas se realice directamente entre o Concello e a axencia de management de cada artista. Traballando con suficente antelación, todo é máis sinxelo.

Ata aquí as nosas propostas que agardamos sinceramente resulte de utilidade. Para a sua información, diremoslle que será dirixida aos tres grupos políticos con representación municipal, ao IMCE e será enviada posteriormente a tódolos medios de comunicación locais. Tamén se poderá consultar na páxina web da emisora (www.cuacfm.org) e na rede social Facebook.

Quedamos a sua disposición. Reciban un cordial saúdo.