Entrevista a A Fume de Carozo (martes, 17:00 a 18:00)

  • El Detective: Os entrevistados desta semana son A Fume de Carozo, un programa que, como me conta o seu responsable Roberto Catoira, está organizado polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do coruñés Colexio Calasanz (PP. Escolapios), no que participan principalmente alumnos de Secundaria e Bacharelato (aínda que está previsto que a mediados ou finales deste curso pasen incluso alumnos de Primaria), sempre supervisados por profesores. ¿En que pode beneficiar os alumnos adquirir detreza como locutores de radio?
  • A Fume de Carozo: Dende logo, un dos nosos obxectivos é que os alumnos lle perdan medo a falar galego, e tamén a facelo ante un micrófono, é unha experiencia inesquecible. Nun mundo onde os medios de comunicación e os actos e eventos públicos teñen tanta presenza, saber falar en público e dirixirse a públicos e audiencias é un mérito engadido que nunca está de máis. Así axudamos a que os futuros cidadáns sexan, ademais de espectadores (para iso vale calquera, teóricamente), tamén protagonistas.
  • ED: Sodes o programa que ten un maior número de técnicos de son de toda a grella de Cuac FM. ¿De que funcións se encarga cada un?
  • AF/DC: Si, iso é máis ou menos certo (supoño) pero non temos funcións asignadas nin estamos todos simultáneamente. Eu son o profesor de Tecnoloxía en Secundaria e pensei que sería unha práctica moi bonita aprender a manexar a mesa de mesturas dunha emisora de radio (para min tamén, eu non tiña nin idea de cousa parecida). O ano pasado emitimos só no mes de maio, e a parte de min, que vou sempre, houbo catro alumnos máis aprendendo a manexala. Algún deles penso que se atrevería hoxe a facer o seu propio programa. Este ano imos algo máis lento. Xa hai un alumno que veu (non contabamos con el a comezo de curso) e xa tamén podería facer o seu programa, aprendeu moitísimo en pouco tempo. Pero teño unha lista relativamente longa de xente que virá axiña, cando se libere un pouco de exames e cousas así. Modestamente, coido que estamos creando unha boa e abondosa canteira de técnicos para CUAC FM.
  • ED: Ao voso xuicio, ¿que virtudes e defectos ten A Fume de Carozo?
  • AF/DC: Penso que aínda nos resulta moi pronto para facer unha análise a fondo do programa. Penso que a virtude principal pode ser que estamos creando unha canteira de futuros locutores e técnicos que lle poñen moitas ganas e ilusión. E, se cadra, o principal defecto, polo de agora, é que non sabedes o que nos custa aos profesores sacar os programas adiante traballando cos rapaces. Non o digo por mal, obviamente. Pero tedes que ter en conta que unha persoa que xa estea na universidade ou que sexa adulta, é capaz de ter unha soltura diante dun micrófono que lle permite facer o guión dun programa con catro palabras escritas nunha servilleta. Pero cos rapaces hai que facer un guión onde absolutamente todo está escrito e ensaiado varias veces, senón os nervios e as risas poden aflorar en calquera momento. E claro, iso ás veces acaba notándose na emisión ao aire, que sae un programa algo frouxo ou pouco flexible na súa estrutura. Pero en xeral estamos moi contentos co resultado xeral.
  • ED: ¿Escoitades algún outro programa de Cuac FM con asiduidade? ¿Cales?
  • AF/DC: Pois eu recoñezo que cada vez a escoito máis. Estou xa algo desencantado da radio convencional e CUAC FM ten uns programas do máis digno. O que pasa é que moitas veces o pillo en redifusión e non me entero moi ben de que programa é. Escoito ás veces “Alegría” e “Café con gotas” porque estou bastante ocupado pero nesa franxa horaria si mo permite. O outro día escoitei un programa de cine que me pareceu unha marabilla (como sei que hai varios desa temática na emisora, non podo concretar máis, síntoo). Cada vez estou máis enganchado.
  • ED: Resumide brevemente as razóns polas que o lector desta entrevista debe escoitar A Fume de Carozo, tódolos martes, de 17:00 a 18:00.
  • AF/DC: Ben, penso que é un programa ben digno cun nivel de calidade bastante aceptable e sobre todo intentamos ter entrevistas telefónicas con xente importante da cultura galega en calquera ámbito: literatura, cine, televisión, música, etc. Nos dous meses que levamos emitindo (maio e agora outubro) entrevistamos no noso programa a García, de Dios ke te crew, a Xabier Díaz, a Fernando Morán e Rubén Riós (actores de Matalobos), etc. Intentamos que a cultura galega non soe a rollo cultureta, senón tamén ameno e interesante. Agora tamén facemos monográficos musicais de grupos galegos (todos os estilos, hip-hop, folk, funk, heavy, soul…) e literarios (con lecturas e cancións baseadas en obras dun autor ou autora). Tamén nos gustaría facer teatro radiofónico.