Cuac FM

Historia




Os parruliños saímos do ovo aló polo 1996, berrando, coma é natural. A nosa intención inicial non era cambiar o mundo, un mundo que apenas coñeciamos (¿non vos digo que eramos parruliños?), nos conformabamos con abrir unha fiestra pola que entrase un pouco de brisa mariña, pero o que entrou, foi un mundo que precisaba ser cambiado.

Son moitos anos de ledicias e tristuras, de tebras e luces, de aprendizaxe … e ainda que xa non somos tan parrulos, seguimos a ter gañas de berrar. Neste camiño cheo de incertidumes atopamos amizades eternas e compromisos inquebrantables, abandoamos certezas de fume e pouco a pouco comezamos a buscar o que está debaixo do que nos contan: as persoas.

E as persoas nos ensinaron que as cousas son diferentes da representación que se lles da, que o relato do que acontece non sempre é veraz pero que sempre se lle da máis importancia que á verdade, que hai persoas que queren falar e persoas que queren escoitar.

E finalmente ese mundo que entrou pola xanela ca necesidade de ser mudado, rematou por cambiarnos a nós, os parrulos. E a fiestra fíxose máis grande.

Atopamos a nosa bandada, a Rede de Medios Comunitarios, xente que tamén abría ventás nas súas casas, algunhas dende había moito tempo e que tiñan casas moi grandes, outras que tiñan fogares pequeniños coma noces. Pero por todas as fiestras, grandes e pequenas, teimaba en entrar o mesmo: un mundo que precisaba ser cambiado.

As nosas ferramentas son o diálogo e a liberdade, que non son pouca cousa. Pero é que agora, sí queremos cambiar o mundo.

¿E ti?

DirectoProgramaciónÚnete – Smartphone (Android, Apple, Nokia N9) – Isto é galego
Cómo chegarQué é CuacEspeciaisHistoriaZona Socios - Mecenas - Doazóns - Licenza FM